Torrador de pan que permite incluír mensaxes... no pan

venres, 7 de setembro do 2007 Raquel Noya

Cantas veces nos ten pasado que logo de deixar unhas cantas notas importantes chantadas estratexicamente na neveira, na pantalla do ordenador ou na mesmísima mesa da cociña optamos por chamar por teléfono e avisar persoalmente ó destinatario de que non esqueza mercar o pan, baixar o lixo ou pagar a factura do gas? Dende agora, e grazas a este enxeñoso gadget deseñado por Sasha Tsegn, podemos ter a seguridade de que os nosos avisos chegan sen falta ó destinatario antes de que este saia pola porta para traballar (sempre e cando lle faga caso ós médicos e almorce ben) sen necesidade de ter que amorear millóns de post-its inútiles e notas variadas en cada recuncho da casa.
A torradora funciona dun xeito moi sinxelo; basta con escribir a mensaxe desexada na parte superior do trebello e este “imprimirá” o texto (ou debuxo, caricatura, símbolo, ou todo aquilo que nos veña á mente nada máis erguernos) na fatia de pan.
Deste xeito, amais de deixar listo o almorzo, asegurámonos de que o destinatario reciba a información de primeira man e non esqueza o recado.
En poucas palabras, a mensaxe é torrada en si mesma no pan para ser comida polo receptor. Mais iso si: cómpre que sexa lida antes de botar a marmelada. porque doutro xeito é posible que na vindeira ocasión o mensaxeiro lle faga comer tamén o post-estragado.

PUBLICIDADE