Toni Nadal mostra este xoves as vantaxes de extrapolar o adestramento deportivo ao eido TIC

mércores, 11 de decembro do 2019 Redacción

Este xoves 12 de decembro o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai organizar unha conferencia “inspiradora e motivacional” ao servizo das empresas e profesionais do sector. A sesión, titulada Todo se puede entrenar, centrarase nas vantaxes multireccionais do adestramento profesional en clave colaborativa e tecnolóxica. Trátase dunha sesión de coaching impartida polo coñecido adestrador de tenis Toni Nadal, adestrador durante case tres décadas do tenista Rafa Nadal.
Será no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela, ás 20 horas, organizada polo Colexio e patrocinada por diversas empresas do sector TIC con presenza na nosa terra: R, Hewlett Packard Enterprise (HPE), Taisa, VMware, Mindsait-Indra DXC, Pure Storage, Everis e Altia. Está previsto que acudan máis de 200 persoas, entre profesionais do sector e colexiadas e colexiados do CPEIG.
Segundo informa o CPEIG acerca dos obxectivos da xornada, esta xirará arredor da utilidade de reflexionar e establecermos novas metas e propósitos profesionais, “respectando o uso ético das novas tecnoloxías, sempre a favor das persoas, a igualdade e a mellora da calidade de vida”. Na súa intervención, o que fora adestrador do gran Rafa Nadal fará un repaso a todos os principios que inspiran o seu método de éxito, comezando pola defensa da formación do carácter fronte á formación técnica, como piar indispensábel do triunfo: “Todo o que facilita as cousas en exceso, debilita, e isto é o que acontece hoxe coas tecnoloxías, que substituíron a parte esencial do ser humano, que é a súa mente”.

PUBLICIDADE