Tomiño formará á rapazada nas vertentes máis creativas e diversas das TIC

mércores, 18 de agosto do 2021 S. P.

A aula Cemit de Tomiño organiza cursos dirixidos á nenez e mocidade, destinados, en palabras do Concello, “a romper estereotipos nas novas tecnoloxías”. Serán dous obradoiros de balde a impartir os días 23 e 24 deste mes de agosto. Achegarán contidos á xente nova de entre 8 e 15 anos, baixo o lema STEAM, derrubando estereotipos.
O obxectivo é “promover a creación de referentes, visualizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas temperás, para espertar o interese e reforzar a confianza nas propias capacidades a través de obradoiros formativos prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, fomentar o talento e espertar as vocacións tecnocientíficas”.
Trataranse temas como: a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo; a colaboración e o traballo en equipo, etc.
Utilizaranse ferramentas como o Scratch, Makey Mackey e circuítos de papel, adaptando os contidos á idade dos participantes. Haberá 2 grupos: un de 8 a 11 anos (luns e martes de 10.00 a 11.30h), e outro de 12 a 15 anos, en horario de 12.00 a 13.30h.
Para inscribirse pódese mandar unha mensaxe a cemit.tomino@xunta.gal (enviando un teléfono de contacto), chamar ao 986 623 304 ou pasar pola aula situada no Campo da Feira do Seixo).

PUBLICIDADE