TomTom Telematics crea unha solución aberta para os vehículos de uso compartido
venres, 5 de xuño do 2015
A
unidade de negocio adicada ás solucións de xestión de frotas e os
servizos telemáticos para vehículos do fabricante TomTom, coñecida
como TomTom
Telematics, vén de anunciar o lanzamento dunha solución que
empregará a tecnoloxía de plataforma aberta da compañía, para
apoiar as operacións sustentábeis de carsharing
(uso compartido de vehículos) en Europa. Deste xeito, o integrador
especializado en tecnoloxía e en redes de vehículos AttainIT
une forzas con TomTom Telematics de cara á introdución do seu
software de reserva de coches e datos das baterías eléctricas dos
mesmos co sistema de xestión de frotas WEBFLEET de TomTom.
Así,
axúdase ás empresas de uso compartido de vehículos, neste caso
eléctricos, a xestionar a súa frota de maneira máis eficiente. A
dita tecnoloxía xa foi adoptada con éxito polo integrador de
software Be Smart para o seu despregamento e uso en Italia.
Este
sistema permite aos clientes de Be Smart empregar unha aplicación
móbil para alugar coches eléctricos ao momento, recoller e devolver
os vehículos en puntos específicos do centro da cidade ou en zonas
de free floating (os coches non están ligados a estacións de
empréstamo, senón que poden ser usados alá onde se atopen) en
Nápoles e Milán.
Grazas
á plataforma de API aberta de TomTom Telematics, que permite acceder
aos datos dos vehículos eléctricos e integralos co software ERP que
utiliza Be Smart, a organización pode comprobar o estado da batería
en cada vehículo, activar os coches de maneira remota, facer un
seguimento da súa localización e facer seguimento da información
da viaxe para facturar de xeito preciso ao cliente.
Engadir
que esta tecnoloxía, que
foi pioneira na edición inaugural da .connect
Developer Conference de TomTom Telmatics
do último ano,
será exposta por parte de AttainIT
e BeSmart
a vindeira semana (9 de xuño) no novo encontro da .connect
Developer Conference que
se celebrará en Ámsterdam.