Lanzan un curso de organización dixital dende A Coruña

venres, 10 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O consultor Rafa García, en colaboración con La Escuela del Orden, veñen de comezar o ano con formación avanzada para axudarnos a ser mellores profesionais e acadar as máis destacadas cotas de xestión e organización nas nosas empresas. Estamos a falar da segunda edición de TUDEO (Tu Universo Digital en Orden), posta en marcha dende A Coruña co punto de mira posto no futuro que xa está aquí: un futuro onde non hai dúbida sobre as vantaxes de dixitalizarnos e transformarnos para ser máis eficientes, eficaces, sustentábeis, intelixentes e rendíbeis.
Segundo nos conta Rafa García, experto en eficacia persoal, “a invasión do mundo dixital xa non é unha opción, está nas nosas mesas”. Ademais, engade, “é independente da nosa profesión ou das nosas actividades na vida privada, rodeándonos de milleiros de elementos que chegan a nós ou que damos creado con diferentes dispositivos (contornos Windows ou Mac, teléfonos ou tabletas) en volume e complexidade crecentes”.
Todo o devandito en que deriva? Pois, de non contar cos coñecementos actualizados debidos, deriva en cousas como a imposibilidade de entender como funciona a nube (malia saber como se usan os seus servizos), ou unha certa incapacidade para poñer en orde documentos, contactos, notas, citas. “En xeral, hai unha sensación de ir a remolque, sen control suficiente”, explica o consultor, poñendo o foco na necesidade de adquirir unha formación específica. Neste punto entran en xogo actividades como a segunda edición de TUDEO, que recunca cun formato interactivo de webinar que permita a participación de asistentes dun amplo abano de recunchos (na primeira edición xuntáronse participantes de nacionalidades moi diferentes como o Líbano, a República Dominica ou os Estados Unidos). Nesta segunda edición, que comeza nuns días, incorpóranse aspectos da ciberseguridade persoal como a xestión axeitada de contrasinais e a protección contra ataques informáticos cada vez máis populares, como o ransomware.
Podemos obter máis información sobre estas actividades formativas na web de TUDEO.

PUBLICIDADE