Todo listo para o comezo do Congreso Big Data Coruña, este luns no CITIC

venres, 18 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A vindeira semana as tecnoloxías para a análise da información a gran escala (todos eses datos que se xeran cada segundo nos acubillos dixitais, de gran interese para múltiples eidos de investigación e ámbitos empresariais), van cobrar especial protagonismo na nosa terra. O motivo? A celebración, a partir das 9.00 horas do luns 21, da quinta edición do Congreso Internacional Big Data Coruña. Será na sede do CITIC no Campus de Elviña da Coruña. O evento abranguerá dúas xornadas de actividades.
Segundo informa o CITIC, ao longo de dous días afondarase nos novos retos do coñecemento inxente e das ferramentas que son quen de separar o útil (o miolo da información) do que non o é, da man de expertos en tecnoloxía e analítica de datos de nivel internacional. O evento está dirixido tanto á comunidade académica e investigadora como a empresas e organizacións, xa que o Big Data ten numerosas aplicacións nunha ampla variedade de ámbitos.
O congreso está organizado pola presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora do CITIC, Amparo Alonso Betanzos; a coordinadora do Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos e investigadora do CITIC, Bertha Guijarro; e o investigador da área Big Data da University College London (UCL) e director da área de investigación de DataSpartan, David Martínez.
A mesa de apertura celebrarase luns 21 ás 9:00 h a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e a organizadora do evento, Amparo Alonso. No Big Data Coruña 2019 colaboran a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE