Todo en marcha para que comece LibreCon, a gran festa galega do software libre e os negocios

mércores, 28 de outubro do 2015 Redacción

Xa está todo listo para que comece (este xoves) o congreso LibreCon 2015, referente galego, estatal e internacional no ámbito do software libre e a vertente máis empresarial das tecnoloxías abertas. O evento, que abrangue dúas xornadas de intensa actividade no edificio CINC da Cidade da Cultura (relatorios, mesas redondas, obradoiros, demostracións, actividades para os máis pequenos, etc), vén da man de AGASOL, ASOLIF e o Clúster TIC Galicia. Haberá empresarios, profesionais das tecnoloxías sen cancelas, investigadores e responsábeis de administracións galegas ligadas ao ensino e ao tecnolóxico, todos eles intercambio información e dando a coñecer casos de éxito baseados en recursos de código aberto. O congreso comeza ás 9.15 horas coa presentación institucional a cargo de Xavier Castaño (AGASOL), Mar Pereira (AMTEGA), Jorge Duarte (Concello de Santiago), David Olmos (ASOLIF), Maite Agujetas (Grupo Santander) e Javier Aguilera (IGAPE).
Nun plano máis concreto, en LibreCon teremos oportunidade de escoitar, de primeira man, aos responsábeis dalgúns dos proxectos tecnolóxicos máis referenciais e vangardistas da actualidade, xa non só dentro do ámbito das tecnoloxías libres, senón das tecnoloxías en xeral. Xente como Victor Tuson, vicepresidente de Canonical, Roberto Zompi, vicepresidente de GENIVI-Magneti Marelli (Grupo Chrysler-Fiat) Dominig ar Foll (arquitecto software en Intel Open Source), Jim Groom (director da división de tecnoloxías do ensino na Universidade Mary Washington e creador de Edupunk) ou Tin Hang Liu (director executivo de OSVehicle).
As temáticas principais a tratar serán, entre outras, a Internet das Cousas, o automóbil conectado e a educación. Co obxectivo de compartir coñecemento, arredor de trinta charlas e obradoiros dun gran número de empresas e representantes galegos e estatais como por exemplo Igalia, ASPGems, Irontec, IBM, SuSE ou Teléfonica (e máis entidades públicas como a Xunta de Andalucía ou a Universidade de Granada) conforman unha axenda cargada de sesións adicadas a dar a coñecer novas iniciativas que amosen como as tecnoloxías abertas axudan á xeración de negocio en todos os sectores de actividade.
A zona expositiva, premios e actividades sociais, completan dúas xornadas repletas de tecnoloxía.
“Queremos potenciar o traballo en rede e o intercambio de coñecemento arredor de solucións baseadas en tecnoloxías abertas que aumenten a competitividade e eficiencia das organizacións”, indicou recentemente Xavier Castaño, presidente de AGASOL.
Un evento en familia, LibreKids
Co obxectivo de animar e facilitar a asistencia a aquelas persoas que teñan interese en participar nas xornadas o venres pola tarde, así como achegar a tecnoloxía aos máis pequenos, LibreCon habilitará o novo espazo LibreKids. Neste emprazamento haberá dous obradoiros dispoñíbeis para gozar da tecnoloxía nas actividades en familia. O taller Enredando con Mimadriña: origami e leds é unha proposta educativa e social que emprega como ferramenta base o origami (arte de orixe xaponesa baseada no pregado do papel) a partir de 5 anos. Pola súa banda, Enredando con escornabots: robótica e impresión 3D abertas achegará a robótica e a programación a nenos e nenas a partir de 6 anos. As actividades son de balde previo rexistro a través do sitio web da conferencia.

PUBLICIDADE