Tobii lanza un dispositivo para controlar o PC coa mirada

xoves, 7 de abril do 2011 Marcus Fernández

A compañía especializada en tecnoloxías de seguimento dos ollos Tobii anunciou o lanzamento do seu produto PCEye, no que consideran que é o dispositivo independente de control ocular no mercado, que facilita o uso do ordenador coa mirada, sendo compatible con multitude de aplicacións informáticas en practicamente calquera ordenador persoal.
O Tobii PCEye traslada o movemento dos ollos ao cursor do rato en pantalla, prestacións pensada como sistema de control alternativo para persoas con dificultades motrices, que poderán utilizar este novo trebello coma se dun rato USB se tratase, só que, en vez de ter que movelo coa man, poderán empregar os ollos e as pálpebras para manexar o seu equipo informático.
A tecnoloxía que emprega o Tobii PCEye asegura poder rexistrar os movementos da mirada do 95% dos usuarios, sen importar a súa cor de ollos, o uso de lentes ordinarias ou de contacto, as condicións de iluminación ou os movementos da cabeza, coa vantaxe adicional de non afectar ao rendemento do ordenador ao que se conecte (pois o seguimento dos ollos está asistido por un procesador integrado no sensor PCEye).
O dispositivo só precisa de entre 5 e 20 segundos de calibración para comezar a usarse, funciona en ordenadores (con procesadores de dobre núcleo ou superiores) con Windows tras a instalación dunha aplicación informática, pode engancharse de xeito doado de enganchar a monitores de entre 15 e 20 polgadas que soporten o sistema de montaxe VESA, é compatible con aplicacións como Tobii Communicator ou o teclado virtual WizkeyPlus, e pode funcionar con múltiples perfís de configuración. Por desgraza o seu prezo está ao redor dos 6.900 dólares.

PUBLICIDADE