Titanfall sae á venda en EE.UU.

martes, 11 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Podemos dicir que hoxe retómase a guerra entre as consolas de nova xeración, pois aínda que tras a campaña de Nadal a grande vencedora resultase a PlayStation 4, ningunha das novas consolas contaba con xogos de peso no seu catálogo que puidésemos considerar como bos exemplos do que será unha experiencia de xogo de nova xeración, pero agora sae á venda a primeira grande exclusiva desta xeración, Titanfall, que pode xa adquirirse nos EE.UU. para Xbox One e PC (a versión para Xbox 360 sairá máis adiante) e que promete consolidarse como o FPS do ano pese a non estar presente nas consolas de Sony.
Este novo título de Respawn Entertainment (estudo formado polos principais responsables de Call of Duty: Modern Warfare) non só destaca por ofrecer unha acción trepidante na que os soldados a pé poden facer impresionantes acrobacias propias do parkour e incorporar titáns (unha especie de tanques-robot moi populares nas ficcións nipoas), senón que tamén é rechamante pola súa aposta pola nube, xa que boa parte dos procesos do xogo (como as intelixencias artificiais) non se executan na consola, senón nos servidores Azure de Microsoft, o que permite unha excelente resposta en boa parte do mundo, descargando a máquina local de certos procesos para poder ofrecer unha experiencia multi-xogador moito máis rica, e que podería revolucionar o xeito de entender o xogo en liña. Unha decidida aposta de Microsoft que só é posible grazas a unha completa rede de servidores distribuídos polo planeta, que incluso procurarán balancear a súa carga para evitar os colapsos que posiblemente cheguen a producirse nos vindeiros días dada a previsible avalancha de xogadores que quererán xogar simultaneamente a Titanfall durante os vindeiros días.
Este agardado xogo chegará ás tendas españolas o vindeiro día 13.


Anuncio televisivo de Titanfall

PUBLICIDADE