Titanfall terá un límite de xogadores de 6 contra 6

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 13 de marzo vai chegar ás tendas un dos xogos máis prometedores do ano, Titanfall, que estará dispoñible para PC, Xbox 360 e Xbox One (deixando fóra as consolas de Sony) e está a captar moitas miradas por ser o primeiro xogo de Respawn Entertainment, o estudio creado a partir dunha escisión de Infinity Ward (considerados os responsables do éxito de Call of Duty: Modern Warfare) e que continuará coa acción en primeira persoa, pero ambientando os combates armados nun mundo futuro no que os soldados utilizarán técnicas de combate avanzadas, podendo, dende correr por muros ata pilotar un acoirazado titán (unha especie de robot xigante tripulado como os que estamos afeitos a ver en moitas obras de animación xaponesa).
Pero segundo vai achegándose a data de lanzamento deste importante xogo imos sabendo detalles que supoñen un baño de realismo, para reducir un chisco a grande expectación ao redor do título, como as declaracións dun dos fundadores de Respawn, Vince Zampella, quen detallou que o número máximo de xogadores en liña que participen nunha partida será de 6 contra 6, para conseguir un bo equilibrio coa intelixencia artificial do xogo. Ao parecer este límite establecérono despois de múltiples probas, ata que atoparon o punto de equilibrio perfecto, para que o xogo poida ser divertido e espectacular, o que parece que están a conseguir se atendemos aos vídeos que circulan pola Rede e aos comentarios da crítica especializada, que en numerosas ocasións sitúa a Titanfall como o máis destacado do seu xénero para 2014, matizando que esperan que se converta nunha franquía que na súa secuela chegue tamén a PlayStation 4, o que podería converter a esta saga na grande competidora do Call of Duty (o que leva tempo intentando conseguir a franquía Battlefield).


Un dos últimos trailers de Titanfall

PUBLICIDADE