Time Capsule: a estación base de Apple con disco duro integrado

mércores, 16 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Apple presentou unha nova estación base sen fíos baixo o estándar IEEE 801.11n que destaca por integrar un disco duro interno, de xeito que pode resultar especialmente práctico como sistema automatizado de copias de seguridade, ou sexa, un complemento ideal para a función Time Machine incluída no Leopard, de aí que lle chamen Time Capsule.
O novo dispositivo comezará a venderse en febreiro e custará 299 dólares o modelo con 500 Gb de disco e 499 dólares o modelo con 1 Tb de capacidade. Grazas á última versión do Mac OS X, os usuarios poderán contar con copias constantes dos seus datos, de xeito que cando queiran recuperar o estado anterior dun documento, ou un arquivo eliminado accidentalmente, o terán moi doado, e non precisarán de conectar un disco USB ó seu equipo, xa que a Time Capsule achegará estas funcionalidades sen precisar de cables para tal operación.
Aparte das funcións de copias de seguridade, a Time Capsule é unha estación base completa, servindo para crear unha rede doméstica sen fíos, facer de servidor de impresión (conta cunha conexión USB 2.0 á que podemos conectar unha impresora para usala sen fíos), dar saída á Internet ós equipos conectados e mesmo incluír funcións de conmutador Gigabit Ethernet (pois conta con 3 portos de rede libres).

PUBLICIDADE