TikTok e WeChat desaparecerán das tendas de aplicacións estadounidenses o vindeiro domingo

venres, 18 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de agosto a Casa Branca aprobou ordes executivas para bloquear TikTok e WeChat nun prazo de 45 días, e aínda que confiábase en que estas medidas non chegasen a aplicarse, en boa medida polas dúbidas sobre a súa legalidade, finalmente o Departamento de Comercio anuncia que en virtude das ordes executivas prohiben as transaccións relacionadas con TikTok e WeChat para protexer a seguridade nacional dos EE.UU. ante a potencial ameaza de que o Partido Comunista de China poida exercer control sobre este tipo de aplicacións.
Esta prohibición chegaría en dúas fases. O vindeiro domingo entraría en vigor a prohibición de que WeChat e TikTok estean dispoñibles nas tendas de aplicacións estadounidenses, ou sexa que a tenda de Google Play e a App Store deberían impedir a descarga destas aplicacións dende EE.UU.; e tamén prohibirían as operacións de pagamento de WeChat en EE.UU. (o que pode ser un grande problema para cidadáns chineses nos EE.UU. ou usuarios que teñan certa relación con cidadáns chineses, que actualmente empregan masivamente WeChat como forma de pagamento principal).
Dado que actualmente hai negociacións que poderían mudar o funcionamento de TikTok profundamente, existe un segundo prazo para as prohibicións, establecido para o 12 de novembro, data a partir da que, se non se rectifica antes, prohibiríase que TikTok puidese traballar con servizos que facilitasen ou optimizasen o funcionamento de TikTok nos EE.UU., o que suporía un grande atranco para que a aplicación funcionase.
Nas vindeiras semanas poderían levantarse as restricións contra TikTok se finalmente os reparos sobre a compañía puidesen desaparecer se consideran que os acordos que está a pechar con empresas estadounidenses son dabondo como para tranquilizar ao presidente Trump.

PUBLICIDADE