The Witcher terá un xogo de realidade aumentada para móbiles

mércores, 26 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos a que os xogos móbiles de realidade aumentada cheguen da man de Niantic (compañía detrás de Ingress, Pokémon GO e Harry Potter: Wizards Unite), dende CD Projekt Red sorprenderon anunciando que a súa filial Spokko está a traballar en The Witcher: Monster Slayer, un xogo free-to-play de realidade aumentada e rol baseado na localización (ou sexa, un título na liña do Wizards Unite) que chegará para iOS e Android en breve.
Este xogo ambientado no universo de The Witcher (actualmente tan popular pola serie de Netflix, aínda que inicialmente foi o xogo de CD Projekt Red o que fixo célebre esta franquía literaria) convídanos a percorrer o Continente como cazador de monstros, recollendo así o manto de Geralt de Rivia. Prometen que este título contará con gráficos ao nivel dun xogo de consola; presentará numerosos retos para os que será preciso seguir, estudar e loitar contra monstros; haberá que equiparse con pocións e outros elementos que axuden nos combates e incluso poderá tirarse proveito das horas do día ou das condicións meteorolóxicas para derrotar a algún dos monstros que teremos que cazar seguindo certos elementos de historia.

Vídeo de presentación de The Witcher: Monster Slayer

PUBLICIDADE