The Witcher 3 chegará a Nintendo Switch o 15 de outubro

martes, 20 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O xogo The Witcher 3: Wild Hunt foi un dos mellor valorados para PC e consolas de sobremesa, recibindo máis de 250 premios ao xogo do ano, que supuxo o cumio das aventuras de Geralt de Rivia, un mercenario cazador de monstros nun universo de fantasía escura que sorprendeu moito ao anunciarse que chegaría a Nintendo Switch, debido ás dimensións do xogo coas súas expansións, xa que as súas máis de 150 horas de xogo en ordenadores persoais ocupan un 50 GB de espazo de disco, e os xogos da máquina de Nintendo veñen en cartuchos cun tamaño máximo de 32GB.
Pero CD Projekt Red fixo ben o seu traballo, e comprimindo o son, reducindo o tamaño das texturas e realizando toda unha serie de axustes, conseguiron completar a adaptación de The Witcher 3 a Nintendo Switch, xogo que por fin ten data de saída: o 15 de outubro.
A versión de Switch inclúe as dúas expansións do xogo, ou sexa, que é o título completo, aínda que con certos sacrificios para poder funcionar na Switch, como o feito de que no televisor limite os seus gráficos a 720p e en modo portátil limítese a 540p, procurando así manter unha taxa de fotogramas por segundo estable, e unha experiencia que poucos podían esperar que fose posible nunha consola portátil.
Con chega deste título a Switch The Witcher 3 pode chegar a novas audiencias, aínda que tamén serán moitos os que se fagan con este xogo simplemente para poder gozar do mesmo en mobilidade, pois semella improbable que alguén adquira este título para Switch pensando en xogalo no televisor principalmente, xa que para iso é moito máis recomendable calquera das versións anteriores, que presentan mellores gráficos e teñen prezos realmente ridículos ao ser un xogo con varios anos enriba.

Tráiler do xogo no que dan conta da súa data de lanzamento para Switch

PUBLICIDADE