The War Z: os zombis xa contan cun xogo masivo en liña para PC

martes, 18 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Continúa a vaga de mortos viventes chegando aos nosos sistemas informáticos, e desta volta e en forma de xogo masivo en liña para PC, nun enorme mundo persistente que no seu primeiro mapa está formado por máis de 100 quilómetros cadrados que explorar. The War Z xa é unha realidade que pode adquirirse dende hoxe en Steam polo prezo de lanzamento de 11,69 euros, e pretende ofrecer unha experiencia inédita, pois ata o momento os xogos de zombis limitábanse á supervivencia ou á acción en mundos pechados e con modos multixogador bastantes limitados, mentres que agora desenvolverase todo un mundo desolado tras 5 anos de mortos viventes que acabaron co 99% da poboación do planeta, de xeito que agora a supervivencia non consiste só en evitar esta clara ameaza, senón que o alimento, as armas e outras subministracións precisas, o que fará que outros humanos tamén poidan supor un importante perigo.
The War Z conta con numerosos servidores que permite ata 100 xogadores en cada un, permitindo funcións como xogar de xeito colaborativo con amigos e facilitando a creación das nosas propias campañas de supervivencia, carecendo o xogo de clases e niveis. Pode gozarse en 2 modos de dificultade (normal e hardcore), en 2 puntos de vista (primeira ou terceira persoa) e tendo que enfrontarse tanto a outros xogadores como ao propio contorno.
O xogo carece de cotas de subscrición, aínda que tamén permitirá gastar cartos para mercar elementos ou alugar servidores, aínda que este modelo de micro transaccións non é necesario para gozar do título e tampouco servirá para obter unha vantaxe substancial fronte a outros xogadores.

JPEG - 179.6 KB
Os mortos viventes serán o contorno ao que deben enfrontarse os xogadores de The War Z


Trailer do xogo

PUBLICIDADE