The Walking Dead ofrece o seu primeiro episodio de balde para iOS

martes, 18 de decembro do 2012 Marcus Fernández

A franquía de Robert Kirkman de Los Muertos Vivientes está a ser un éxito rotundo en comics, televisión e videoxogos, resultando neste último caso o xogo The Walking Dead recoñecido como o mellor do ano nos premios que outorga Spike TV nos EE.UU., e para manter o seu pulo esta aventura por entregas ofrece agora o seu primeiro de cinco episodios para iPhone, iPod Touch e iPad totalmente de balde, buscando así animar aos que aínda non lle botasen o ollo a probalo e mercar despois os seguintes capítulos a 4,49 euros cada un (ou 13,99 euros o lote completo).
O xogo conta a historia de supervivencia de Lee Everett, que a través de 5 episodios irá establecendo relacións con outros personaxes que afectarán en acontecementos futuros, de xeito que poden tecerse distintas liñas argumentais de cara á redención deste personaxe que fará todo o posible para protexer a unha pequena orfa chamada Clementine.
Cómpre destacar que o xogo está completamente en inglés, aínda que poden activarse os subtítulos para unha mellor comprensión do mesmo.

PUBLICIDADE