The Walking Dead destaca entre os xogos para usuarios Gold de Xbox LIVE en outubro

xoves, 24 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft continúa a apuntar forte no catálogo de xogos que ofrece aos subscritores de pagamento de Xbox LIVE, e durante o mes de outubro anuncia os catro xogos que terán os usuarios Gold, aínda que na práctica serían só 3, xa que un ofrécese para dúas plataformas simultáneas.
O primeiro título que terán dispoñible os usuarios Gold de Xbox One para engadir á súa biblioteca de xogos durante todo o mes de outubro será Valiant Hearts: The Great War¸ un xogo bastante cru que amosa catro destinos que se cruza e un amor perdido no medio dun contorno asolado pola guerra, que chama poderosamente a atención pola súa estética de debuxo animado, e que actualmente está á venda por 14,99 euros.
Pero o xogo máis salientable do mes é a versión para Xbox One de The Walking Dead, unha aventura gráfica ambientada no universo do cómic de Los Muertos Vivientes, de Robert Kirkman e Charlie Adlard, no que se inspirou a serie de televisión. Este xogo con grande narrativa está actualmente á venda por 24,99 euros, polo que a súa oferta sen custo adicional de seguro que será ben recibida por quen aínda non gozase dun dos xogos máis premiados en 2012, que adaptouse a Xbox One hai menos dun ano. Este título estará dispoñible para os usuarios Gold a partires do 16 de outubro e, curiosamente, será tamén un dos xogos que recibirán os usuarios de Xbox 360 (o que desmerece parcialmente a oferta de xogos de outubro).
O xogo que recibirán os usuarios de Xbox 360 durante a primeira quincena de outubro tamén cadra bastante ben, pois trátase de Metal Gear Solid V: Ground Zeroes, valorado en 19,99 euros, e que estreou secuela nos últimos días, polo que os usuarios que queiran profundar en Metal Gear Solid V: The Phantom Pain teñen aquí un interesante adianto que no seu día deixara aos seareiros das aventura ideadas por Hideo Kojima con ganas de máis (xa que este título é máis un prólogo que unha aventura completa).

PUBLICIDADE