The Swindle terá versións para consolas de videoxogos

venres, 13 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O desenvolvedor independente Dan Marshall leva un tempo traballando en The Swindle, un xogo steampunk sobre ciberdelitos, que inicialmente só estaba previsto publicarse en Steam na súa versión para ordenadores persoais, pero que finalmente grazas ao traballo da editora británica Curve Digital terá versión para consolas de videoxogos (PS3, PS4, PS Vita, Wii U e Xbox One).
Temos así que este xogo que mestura steampunk e cyberpunk preséntase como un xogo con edificios xerados por procedementos, no que hai que piratear ordenadores para baleirar contas bancarias e fuxir rapidamente despois. Os cartos roubados poderán investirse en biomodificacións e trebellos modernos de estilo steampunk como bombas, saltos en quad, teletransporte, ollos biónicos e moitos máis, que axudarán a superar golpes maiores e máis complexos.
Aparte da súa estética, este título quere atraer aos xogadores mesturando dous ritmos moi distintos, de xeito que haberá que comezar as misións con sixilo, e cando as cousas se complican haberá que fuxir a grande velocidade. O propio autor definía o xogo como “unha especie de Spelunky con algo de Deus Ex”, aínda que recoñecendo que tamén ten toques de Sonic the Hedgehog. Espera que poidamos gozar de The Swindle o vindeiro verán, recoñecendo estar emocionado por poder ver o xogo nunha PS Vita.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE