The Secret of Monkey Island chega ao iPhone

xoves, 23 de xullo do 2009 Marcus Fernández

As aventuras gráficas de LucasArts están a rexurdir para múltiples plataformas, e tras o seu relanzamento coma descarga para PC a través de Steam e o remake para Xbox 360, chega agora o The Secret of Monkey Island: Edición Especial a iPhone e iPod Touch, podendo adquirirse na App Store por 5,99 euros.
Este xogo conserva todos os elementos do título orixinal, aínda que cuns gráficos renovados (aparentemente adaptados da entrega para Xbox 360, permitindo tamén conmutar entre os gráficos mellorados e os orixinais), co aspirante a pirata Guybrush Threepwood dentro dunha divertida aventura por facerse cun nome entre os piratas do Caribe.
A proliferación de conversións deste clásico título incluso levou a un blog a facer burla anunciando que os xogos clásicos de LucasArts terán versión para o Teletexto, pero hai que recoñecer que os afeccionados a este tipo de xogos agradecerán o seu rexurdimento incluso en plataformas que carecen de rato informático para o seu control.

PUBLICIDADE