The Right Arm, un soporte universal para tablets e portátiles

luns, 17 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Pese aos problemas coa súa seguridade, Kickstarter segue a ser a plataforma de micromecenado que nos achega máis produtos tecnolóxicos curiosos na actualdiade, como The Right Arm, un soporte universal que busca facilitar o uso de tablets e ordenadores portátiles no escritorio, na cama, no salón... en lugares nos que poida fixarse nunha posición para que non teñamos que suxeitar o dispositivo cos nosos brazos e tampouco teñamos que adoptar posturas incómodas para o seu uso.
Esta curiosa solución consiste nun brazo de aceiro flexible duro de preto de 83 centímetros que pode suxeitarse cunha base con agarre prénsil (un sarxento ou grampo) e soporta entre 2 e 6,8 quilogramos segundo a súa posición, contando co seu extremo co seu elemento máis innovador: un panel duns 24 x 19 centímetros cunha lámina de xel adhesivo que permite suxeitar firmemente un tablet (contando tamén cunhas tiras elásticas no caso de precisar dun agarre mellor), coa vantaxe de que esta solución sería universal (xa que non depende do factor de forma do dispositivo que coloquemos sobre o mesmo, sempre que teña unha superficie plana sobre a que adherirse). Os responsables deste produto aseguran que o xel empregado, que pode lavarse con auga, conserva a súa adherencia ata despois de varios meses de uso.

Esta curiosa solución incluso pode resultar práctica durante a práctica deportiva

Cómpre destacar que, sen o uso do panel con xel adhesivo, o brazo flexible de The Right Arm tamén pode empregarse como trípode para unha cámara, xa que articulación no extremo do brazo emprega unha rosca estándar.
Este proxecto de micromecenado xa dobrou o seu obxectivo de financiamento, e na actualidade pode un facerse cun destes soportes por 99 dólares (90,47 euros con gastos de envío incluídos), remitíndose o accesorio un par de semanas despois do peche da campaña (de xeito que en marzo podería chegar ás mans do interesado).

O soporte é válido incluso para ordenadores portátiles


Vídeo promocional desta campaña en Kickstarter

PUBLICIDADE