The Last of Us retrasa o seu lanzamento

xoves, 14 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

O estudo Naughty Dog, responsable de grandes xogos como os da franquía de Uncharted, tiñan fixado o lanzamento do seu vindeiro título, The Last of Us, para o vindeiro 7 de maio, pero en vista de non ser capaces de manter o nivel de calidade esperado decidiron adiar o lanzamento do que posiblemente sexa un dos maiores éxitos do presente ano para PlayStation 3, polo que haberá que agardar ao 14 de xuño para poder gozar do resultado deste ambicioso proxecto.
Nun tempo no que estamos afeitos a grandes sagas con entregas anuais ou bianuais podemos entender que ese ritmo no poda manterse para unha propiedade intelectual totalmente nova, pois hai que desenvolver modos de xogos, deseño, arte, tecnoloxía... dende cero, mentres que nas secuelas xa hai uns alicerces sólidos sobre os que construír un produto que satisfaga ao público. Loxicamente dende Naughty Dog non queren decepcionar, para que un xogo tan esperado como The Last of Us non esmoreza rapidamente por mor dunha mala primeira impresión, de aí que coiden o produto antes do seu lanzamento, en vez de publicar parches a posteriori como acontece con outros títulos.

Con The Last of Us Naughty Dog ten que enfrontar o reto de crear un xogo dende cero, apostando por unha mecánica pouco tradicional que pretende atrapar ao usuario

PUBLICIDADE