The King of Fighters XIV chega a PS4 con gráficos 3D e mecánicas 2D

venres, 26 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A fusión das franquías de xogos de loita Fatal Fury e Art of Fighting deu pé a unha das sagas de xogos de loita máis veteranas e de máis sona, The King of Fighters, nacida en 1994 e que hoxe mesmo estrea en exclusiva para PlayStation 4 unha nova entrega, The King of Fighters XIV, que podemos mercar por 59,99 euros, e que ofrece un cadro de 50 loitadores que podemos enfrontar en batallas por equipos de 3 contra 3 mantendo as súas mecánicas de xogo 2D pero cuns sorprendentes novos gráficos 3D presentados en Full HD a 60 cadros por segundo.
O xogo conserva o tradicional modo historia de King of Fighters, permite realizar batallas grupais en liña con até 12 xogadores e incluso incorpora novidades como os climax cancels, que desenvolven a mecánica dos movementos especiais do xogo.
Este novo xogo comezou a desenvolverse oficialmente en 2014, e aínda que parecería razoable que ao cambiar a aparencia gráfica optasen por unha selección de loitadores moi conservadora, optaron por incorporar unha grande cantidade de personaxes novos, de xeito que estamos ante un título dobremente renovado, que busca rexuvenecer a saga e volver inspirar aos fieis seareiros destes xogos de loita que veñen gozando da serie dende que trunfaba nos salóns recreativos.

Tráiler de lanzamento de The King of Fighters XIV

PUBLICIDADE