The Humble Indie Bundle supera os 2 millóns de dólares

luns, 26 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Este martes pola noite remata a 4ª edición de The Humble Indie Bundle, unha iniciativa solidaria que convida a usuarios de PC e Mac a mercar 5 xogos independentes, que nesta ocasión son Super Meat Boy, Jamestown, Bit.Trip Runner, Shank e NightSkyt HD, ao prezo que se desexe, repartindo os cantos na proporción que desexemos entre a organización, os desenvolvedores e a caridade (Child’s Play Charity e a Cruz Vermella), regalando 2 xogos adicionais (Cave Story+ e Gratuitous Space Battles e os títulos da terceira edición da iniciativa) a quen pague máis do prezo medio (5,36 dólares neste momento). Cómpre destacar que os xogos incluídos na promoción, de adquirirse de xeito independente, terían un custo total duns 165 dólares, polo que o seu atractivo é dobre: bo prezo e solidariedade.

Quen pague máis do prezo medio polo The Humble Indie Bundle poderá facerse tamén co excelente Cave Story+

Este tipo de campañas parecen gozar de boa aceptación, e así veñen de superar os 2 millóns de dólares recadados, destacándose que os usuarios de Linux parecen ser os máis xenerosos (pagan 10,41 dólares de media polo bundle), seguidos polos de Mac (7,57 dólares), mentres que os usuarios de Windows só pagan 4,77 dólares por termo medio (aínda que tamén supoñen a meirande parte das compras).
Os pagamentos poden realizarse a través de PayPal, Google Checkout e Amazon Payments, polo que a seguridade e as opcións para pasar por caixa non deberían de ser a desculpa para apoiar este iniciativa solidaria baseada en divertidos xogos independentes.


Vídeo promocional do The Humble Indie Bundle

PUBLICIDADE