The Division anuncia a súa beta aberta

martes, 9 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A menos dun mes para a chegada ás tendas de Tom Clancy’s The Division, Ubisoft anuncia o que será a súa beta aberta, na que poranse a proba os servidores que facilitarán o xogo en liña deste agardado título que disparou as súas reservas tras unha anterior fase de probas, convencendo a moitos xogadores a darlle unha oportunidade a un xogo que podería converterse nun dos títulos máis importantes da primeira metade de 2016.
A nova beta desenvolverase entre os días 19 e 21 de febreiro para PS4, PC e Xbox One, podendo pre-cargarse a beta en todas as plataformas a partires do 16 de febreiro (para evitar as saturacións durante a beta) e cunha chiscadela para os usuarios de Xbox One, que poderán gozar das probas cun día de antelación (ou sexa, que os usuarios da consola de Microsoft poderán gozar da beta a partires do 18 de febreiro).
Actualmente o equipo de desenvolvemento do xogo está a resolver os problemas detectados durante a beta pechada do xogo, e estarán atentos a esta nova beta para poder detectar novos fallos para ir corrixíndoos e que así o xogo estea o máis pulido posible no seu lanzamento, podendo garantir unha boa experiencia en liña durante as primeiras semanas (algo que poucos xogos en liña supervendas conseguen facer).
A beta aberta estará dispoñible nas tendas dixitais de Xbox One e PlayStation 4 completamente de balde, mentres que a versión para PC atoparase en Uplay (plataforma de xogos dixitais de Ubisoft).

Vídeo promocional da beta aberta de The Division

PUBLICIDADE