The Division 2 venderase a través da Epic Games Store

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

As grandes plataformas de venda de produtos en soporte descargable teñen unhas comisións que tenden a ser razoables para creadores modestos, pero cando o volume de vendas é elevado, ter que ceder unha porción grande da torta a un terceiro que só se encarga da distribución pode resultar abusivo, e así o entenden moitas compañías que están a buscar alternativas. Precisamente por iso Fortnite para Android non está na tenda de aplicacións de Google, xa que Epic Games non quería compartir un 30% dos ingresos do xogo só por distribuílo nesa plataforma, e precisamente a súa experiencia en desligarse de Google Play para a distribución de Fortnite levounos a aproveitar o momento para lanzar a Epic Games Store o mes pasado, desmarcándose da tenda de referencia para PC, Steam, ao cobrar unha comisión do 12% (en vez do 30%), o que está a atraer a moitas compañías.
O que agora sorprende é que Ubisoft, que ten unha tenda dixital de seu, optase por deixar de lado a Steam e vaia dar unha oportunidade á tenda dixital de Epic vendendo a través da mesma a versión para PC do agardado xogo The Division 2.
Este xogo, dispoñible a partires do 15 de marzo, poderá adquirirse en dixital en versións que van dos 59,99 aos 109,99 euros, e aínda que a compra se realice na tenda de Epic Games, precisará dunha conta de Uplay para xogar.
Estamos ante unha curiosa xogada que tanto pode resultar ben por aproveitar o pulo de Fortnite como pode levar a que Steam teña que repensar a súa política de comisións, especialmente de cara aos grandes títulos, que son os que poden atreverse a optar por unha venda a través de canles secundarias.

Video no que dan conta das características da versión para PC de The Division 2

PUBLICIDADE