The Division 2 sae á venda

venres, 15 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Hoxe é o día no que sae á venda o esperado Tom Clancy’s The Division 2, xogo de Ubisoft que xa podemos adquirir nas súas versións de PC, PlayStation 4 e Xbox One, para colocarnos na dirección dun equipo de axentes de elite que tras unha pandemia teñen que restablecer a orde e impedir o colapso de Washington DC.
Estamos ante un shooter con toque de rol, no que a exploración e a progresión do personaxe xogan un rol esencial, e que anima aos xogadores a xuntar forzas con amigos no modo cooperativo en liña ou enfrontarse a rivais no modo competitivo.
Aínda estamos ante un xogo que ten o seu forte no xogo en liña, conta cunha campaña sólida e apaixonante. Amais, o xogo deseñouse pensando no que acontecerá cando se remate o xogo, xa que rematada a campaña os xogadores contarán con actividades novas, diferentes e variadas, de xeito que nos vindeiros meses The Division 2 recibirá novo contido de xeito regular, con todo un ano de misións adicionais de balde, expansións de mapas e novos modos de xogo.
Cómpre salientar que a edición para PC deste xogo, en vez de distribuírse a través de Steam, desta volta apostou pola tenda dixital de Epic Games.

The Division 2 é un shooter cunha clara identidade, que busca corrixir todos os puntos febles da súa primeira entrega, e que promete moitos contidos para reter aos xogadores durante meses

Vídeo de introdución a The Division 2

PUBLICIDADE