The Conduit fracasa nos EE.UU.

martes, 21 de xullo do 2009 Marcus Fernández

O lanzamento dos xogos MadWorld e House of the Dead: Overkill para Wii foi un auténtico desastre nos EE.UU., vendendo só 66.000 e 45.000 unidades nos seus primeiros meses, dando a entender que os títulos para un público adulto non tiñan espazo na consola doméstica de Nintendo, e agora The Conduit, que prometía ser un título de Wii apto para hardcore gamers e que vén acompañado de moita expectación, confirmou as sospeitas, e en preto dun mes non chegou ás 72.000 copias nun país no que hai preto de 24 millóns de unidades da Wii nos fogares.
Á vista destes datos parece difícil que moitos estudos se animen a lanzar títulos deste tipo para Wii no futuro, e incluso parece que pasa o mesmo tamén coa Nintendo DS, de xeito que o GTA: Chinatown Wars está a portarse á PSP para compensar as reducidas vendas para a portátil de Nintendo.
Que as consolas de Nintendo apostan por un público casual, ou nun sentido máis amplo, a un público familiar parece agora difícil de negar, e a violencia nestas consolas non precisa de censura de ningún tipo, senón que é o propio mercado quen castiga os contidos para maiores de idade.

PUBLICIDADE