The Amazing Spider-Man 2 tamén se achega ás consolas de videoxogos

martes, 29 de abril do 2014 Marcus Fernández

Aínda que o xogo para dispositivos móbiles baseado no filme The Amazing Spider-Man 2: El Poder de Electro chegou a tempo para a estrea cinematográfica, no caso das consolas domésticas tivemos que agardar algo máis, e hoxe chega a EE.UU. o xogo para as consolas de Microsoft, mentres que en España teremos que agardar ao vindeiro venres para poder adquirir este título para PS3, PS4, Wii U, Nintendo 3DS e Xbox 360, sorprendendo por contar tamén cunha versión para Xbox One (que non se anunciara previamente, e que podería chegar o 30 de maio) e por estar xa dispoñible na súa versión de PC.
Este novo xogo volve a correr da man de Beenox, estudio responsable da meirande parte dos xogos de Spider-Man para consolas tradicionais nos últimos anos, que souberon tomarlle o pulso ao trepamuros, e que pouco a pouco van pulindo a fórmula con cambios que melloran a experiencia de xogo mudando os sistemas de control. Como acontece co título móbil de Gameloft, The Amazing Spider-Man 2 para consolas de videoxogos non se limitará a ofrecer como inimigos a Green Goblin e Electro, senón que tamén amosarán a outros personaxes como a Gata Negra, Kraven, Shocker, Matanza ou Kingpin, inspirados nas súas versións de banda deseñada, pois non se espera que chegue a facer acto de presenza na actual saga cinematográfica protagonizada por Andrew Garfield.


Trailer de lanzamento do xogo de Beenox

PUBLICIDADE