Teresa Piñeiro e Xabier Rolán traballan nun proxecto internacional que reconstrúe a pegada da pandemia a través de Instagram

xoves, 6 de maio do 2021 S. P.

Teresa Piñeiro, investigadora da Universidade da Coruña, e Xabier Martínez Rolán, investigador da Universidade de Vigo, están a participar nun proxecto internacional que analiza o retrato do inicio da pandemia a través da rede social Instagram. No proxecto, financiando polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de Brasil, tamén traballan investigadores das universidades brasileiras Estatal Paulista e Brasilia. Parten da análise de 100.000 publicacións sobre “COVID” e sobre “coronovirus” realizadas entre marzo e maio do ano pasado difundidas en español e portugués e con meirande número de interaccións en Instagram.
O obxectivo é coñecer até que punto a cidadanía reflexionou e opinou sobre o inicio da pandemia nesta rede social.
Coordinado polo fotógrafo e profesor da Unesp Denís Renó, a investigación avalía e debulla os efectos da fotografía (a base temática e formal de Instagram) “na construción do coñecemento colectivo sobre a COVID-19 no Brasil e en España”.
A iniciativa (que se presenta baixo o epígrafe Educar e informar: a fotografía nos procesos comunicacionais vía Instagram sobre a COVID-19) foi unha das 90 seleccionadas, de entre máis de 2.200 propostas, na convocatoria de investigacións sobre a pandemia impulsada polo Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico e o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía do Brasil.
No caso do docente da Universidade de Vigo, o seu papel na investigación céntrase en primeiro termo “na captura e análise dos datos”, dada a súa experiencia investigadora no tratamento e estudo de grandes bases de datos xeradas con información extraída das redes sociais. No arranque desta iniciativa, que se estenderá ata o primeiro semestre de 2022, Martínez Rolán responsabilizouse da compilación das 103.000 publicacións en castelán ou portugués que contiñan as ditas palabras e un maior número de interaccións, de entre todas as realizadas nos dous meses seguintes á declaración do Estado de Alarma en España, o 13 de marzo, e a aprobación do Decreto de Calamidade Pública por parte do Senado Federal brasileiro, sete días despois.
A mostra reúne tanto publicacións de España e Portugal como de diferentes países de Iberoamérica, sendo Brasil o máis representado, cun número de publicacións superior ao do resto da mostra no seu conxunto. “Ter moita información vaiche dar unha visión menos nesgada da realidade”, recoñece o investigador do grupo Sepcom, respecto dunha base de datos con “trece variábeis de análise”, desde a data e hora de cada publicación ata o número de likes ou comentarios.
Segundo fai saber Teresa Piñeiro, “unha parte importante da mostra está conformada por publicacións dos media tradicionais, que fixeron desta rede social unha das súas principais canles de difusión”. Entre os autores das publicacións que integran a mostra tamén se atopa presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, “un dos principais líderes negacionistas”, como lembra Rolán. Neste punto, o investigador destaca o interese que, no marco deste estudo, terá coñecer o impacto das numerosas “mensaxes de apoio e en contra” que o presidente brasileiro suscitou nesta rede social, ao igual que “saber tamén o que se dixo en Instagram dos principais boatos relacionados coa COVID-19”.

PUBLICIDADE