Teremos novos xogos de Metal Slug este ano

martes, 9 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Unha das franquías máis representativas da Neo-Geo é a serie de beat’em up titulada Metal Slug, que conta con toda unha chea de entregas que non cesan de adaptarse ás xeracións de consolas que van saíndo ante a alta demanda por parte dos nostálxicos destes clásicos que este ano volverán á actualidade grazas ao lanzamento de novas entregas. Por unha banda temos que Timi Studio (Tencent) está a desenvolver un xogo da franquía para Android e iOS que afastaríase do xénero orixinal, xa que introduciría naipes como elementos de xogo (mantendo o desprazamento lateral en 2D). Este título estaría xa ao 80%, polo que en poucos meses verá a luz.
Pero a sorpresa que chega agora é que SNK estaría a traballar nun xogo de acción de desprazamento lateral coas mesmas mecánicas que os xogos orixinais da saga Metal Slug que vería a luz este mesmo ano. Segundo comentan dende SNK Interactive o xogo de naipes busca chegar a un público mozo, mentres que o xogo con mecánicas clásicas perseguiría a un público máis maduro, ou sexa, a quen xogou no seu día aos títulos de recreativa.

Os xogos de Metal Slug son todo un referente no seu xénero