Teo pon a disposición da rapazada local dous obradoiros estivais de robótica

venres, 3 de xullo do 2020 S. P.

A aula de informática municipal do Concello de Teo vén con tecnoloxías para a rapazada nesta recta inicial do verán: un programa de dous obradoiros de robótica para achegar lecer, coñecementos e formación útil, entretida e segura ás crianzas do concello. O primeiro obradoiro, baixo o título Scratch+Lego está dirixido a nenos/as empadroados/as no concello de 8 aos 11 anos. Será do 13 ao 17 de xullo de 10 a 12 horas na aula de informática municipal. Durante as 10 horas que dura o curso as persoas participantes construirán robots de Lego e comezarán a programar coa ferramenta de programación para escolares Scratch.
O segundo obradoiro é sobre Arduino, unha plataforma de desenvolvemento baseada nunha placa electrónica de hardware libre que incorpora un microcontrolador re-programábel e unha serie de pins femia que aprenderán a recoñecer os asistentes ao obradoiro. Neste caso está dirixido a nenos/as empadroados/as de 12 aos 16 anos e celebrarase do 20 ao 24 de xullo de 10 a 12 horas.
Para anotarse hai que entregar a ficha de inscrición (PDF) e presentala por sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello. O prazo está aberto do 30 de xuño ao 10 de xullo para o curso de Scratch+Lego e ata o 17 para o de Arduino. As prazas ofertadas son 8 para cada un dos obradoiros e debe haber un mínimo de 5 inscricións para realizar a actividade.

PUBLICIDADE