Teo arranca a súa nova formación para a mocidade cun obradoiro de fotos co móbil

venres, 3 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello de Teo vai comezar o ano cun obradoiro para estimular a creatividade e o talento da xente nova a través dun recurso moi presente nas súas vidas: o dispositivo móbil. Trátase dun obradoiro de fotografía co móbil organizado pola Concellaría de Mocidade que dirixe María López.
O curso forma parte do que sería, nas súas palabras, “unha programación formativa e divulgativa estábel para a rapazada”. A concelleira explicou que “queremos ter unha oferta de actividades mensuais de interese para a mocidade, que poidan desfrutar de tempo de lecer no concello”.
Froito deste compromiso do Concello é o programa QuedaTeo, do que abrolla este mes de xaneiro o devandito obradoiro de fotografía co móbil. A axenda continuará nos meses seguintes con actividades de voo de drons e un xogo de escape room. As actividades son de balde.
O obradoiro de fotografía co móbil será o sábado 18 na Casa Común dos Tilos de 19:00 a 21:30 horas. Impartido por Illa Bufarda, está dirixido a rapazada de entre 12 e 16 anos. Segundo informa o Concello, para participar non é preciso ter móbil, tamén se pode acudir cunha tableta. As prazas ofertadas son 20. A inscrición abre o 2 de xaneiro, por orde de entrada, enviando o nome completo das persoas asistentes ao enderezo de correo electrónico: mocidade@teo.gal.

PUBLICIDADE