Tencent faise coa meirande parte das accións de Supercell

martes, 21 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os xogos para dispositivos móbiles teñen dificultades para manter o seu pulo ano tras ano (como demostran franquías como Angry Birds, que tras moitos éxitos agora non consegue destacar) continúa a existir confianza no sector do desenvolvemento de videoxogos, e a chinesa Tencent, propietaria de WeChat, vén de pechar un acordo coa xaponesa SoftBank para facerse coa meirande parte das accións de Supercell, estudio finlandés responsable de xogos como o célebre Clash of Clans.
Deste xeito Tencent aproveitaría que SoftBank quere diversificar os seus activos e reducir a súa débeda para pagar 8.000 millóns de dólares pola súa participación no estudio que tras Clash of Clans tamén produciu xogos como Boom Beach, Clash Royale e Hay Day, que pese a non ser tan populares, manteñen importantes ingresos.
Cómpre destacar que Tencent tamén posúe Riot Games, estudio responsable de League of Legends, polo que parecen ter bo ollo para os videoxogos, e consolidan así unha magnífica posición nese mercado.