«Temos que colocar o galego no mundo tecnolóxico e no mesmo lugar que as outras linguas» – Valentín García

domingo, 7 de abril do 2019 Marcus Fernández

Quen non tratou de falar en galego con Alexa ou mesmo con Siri? Aínda que xa levamos moito camiño andado en canto á nosa lingua e ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación, temos que profundar máis para acadar os obxectivos máis agardados.
Diso e de outros temas falou connosco Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, deixando claro que o galego xa non só se fala na casa.

-A priori semella que o uso da nosa lingua e a tecnoloxía non están ligados polo nivel de internacionalización que existe, pero hai conexión entre eles?
-Si, eu creo que moita. Popularmente semellaba que a tecnoloxía pertencía ao mundo da globalización, dos mass media ou as grandes corporacións mundiais, pero a realidade é que está ao alcance de todo o mundo, o que demostrou xusto o contrario. As linguas mal chamadas minoritarias, coma o galego, o catalán, o euskera, por exemplo, chegaron a esta gran cita en igualdade temporal que as grandes linguas do mundo, e isto non pasara nunca na historia. Sempre dicimos que o galego chegou tarde á imprenta, á televisión, á radio pero chegou ao mesmo tempo cas outras linguas á Rede, á Internet e ás tecnoloxías. Por iso, temos que saber sacarlle todo o rendemento posible para divulgar e para facer delas o instrumento máis poderoso que teñen as linguas coma a nosa a nivel mundial.

-Está claro que o uso do inglés é importante para chegar a moitas partes do mundo pero, cales son as vantaxes de usar o galego?
-En primeiro lugar está o feito de sermos plurilingües. Calquera ser humano que se manexe en distintas linguas poderá descubrir que ten máis capacidade de comunicación. En segundo lugar, porque o galego é unha lingua que goza de moito prestixio pola tradición literaria e cultural que ten e porque sempre fomos un lugar con moita riqueza creativa. E o terceiro gran factor é que o galego é a única lingua que pertence ao tronco común da lusofonía. O portugués é a lingua máis falada do hemisferio sur deste planeta e os galegos podemos entendernos con calquera cidadán do mundo lusófono e iso ábrenos unhas portas ao mundo e rompe esa vella teima de que o galego só serve para entendernos en Galicia.

-Dende a Secretaría de Política Lingüística lanzan plans de actuación para esta cuestión, proba diso é o dicionario DIGaTIC. Cal é a súa función?
-O que fai é poñer ao alcance de todo o mundo lexicografía ou termos que pola súa recente incorporación á lingua ou por ser léxico de especialidade non sempre é sinxelo de atopar. Para que sexa máis fácil o emprego da lingua das tecnoloxías temos que poñer o galego tecnolóxico ao alcance de estudantes ou profesionais que precisen saber o termo exacto dun determinado procedemento ou software.

-Con iniciativas como Lingua de Namorar podemos entender que a mocidade é o colectivo no que hai que facer un maior esforzo para normalizar o uso do galego en ámbitos como o tecnolóxico... é así?
-O futuro de calquera lingua é a mocidade porque cando as persoas alcanzamos a idade adulta podemos inducir cambios lingüísticos nela, pero son cambios relativos porque os hábitos comunicativos están moi marcados. Pero cando conformamos o noso medio de comunicación e relación humana é cando decidimos en que lingua queremos comunicarnos cos nosos máis próximos. Iso confórmase cando somos adolescentes, por iso as nosas liñas de traballo van dirixidas cara a aí.

-Aínda que hai moitos esforzos por socializar o uso do galego nas contornas tecnolóxicas, como habería que proceder para que os grandes axentes globais (como Google) non provoquen un retroceso nos avances que tanto custou realizar? Porque mentres en equipos informáticos é relativamente doado gozar dun espazo de traballo en galego, cando imos a contornas móbiles, que son as máis usadas actualmente, temos serios atrancos.
-Hai dous condicionantes, primeiro a procedencia de moitos produtos que chegan ás nosas plataformas móbiles, que son de procedencia foránea. E en segundo lugar a caducidade. A gran cantidade de actualizacións fan que as veces só atendan nada máis que as grandes linguas do mundo. Cando este proceso chega ás nosas linguas, a súa temporalidade fai que se renove. Nós sempre mandamos a mesmo mensaxe: no momento que os galegos e galegas nos mentalicemos de que solicitando eses mesmos produtos en galego e fagamos uso do noso dereito a que esa comunicación que aplicamos na nosa vida diaria estea na nosa lingua, decontado as grandes compañías tratarán de resolver o problema porque tecnoloxicamente para elas non é complicado pero teñen que ter vontade.

-Falar da lingua nas TIC pode levarnos a reflexionar sobre as TIC na lingua. Contamos coas debidas ferramentas tecnolóxicas que contribúan ao desenvolvemento e ao estudo do galego actualmente?
-Eu penso que si na maior parte dos ámbitos. No mundo das administracións autonómica e local o galego impregna todos os sistemas de funcionamento tecnolóxico. No mundo da empresa é moito máis complicado polo tipo de ferramentas que utilizan. Temos que traballar moito as aplicación en canto a simuladores de voz porque estamos a vivir unha auténtica revolución en todo isto. As tecnoloxías están abandonando formatos escritos para pasar a formatos sonoros. Por non falar dos tradutores, que van alén da escrita e métense en formatos orais sen pasar o soporte escrito polo medio. Neste escenario temos que colocar a lingua galega coma as demais linguas.

-A faciana máis formal da lingua galega semella que tamén se pon ao día, e unha ferramenta tan básica como é o dicionario da RAG actualízase con moita frecuencia e ábrese a expresións como chío, rechouchío, cancelo, blogueiro, tableta, contrasinal... Podemos dicir que por fin estamos a abordar o galego dun xeito permeable á sociedade e aos novos tempos que nos toca vivir?
-Pois iso é o que pretendemos todas as institucións que estamos a traballar ao carón da lingua. Efectivamente, se queremos gañar a batalla dos tempos e chegar á xuventude temos que facer que o noso idioma sexa o idioma deles tamén e por iso sería moi limitativo que o galego teña palabras tan patrimoniais ou tan fermosas coma bolboreta ou aloumiño e non teña palabras coma chío ou rechouchío. Se queremos facer unha lingua atractiva para a xente nova temos que falar na lingua en que falan eles.

-Sabemos que Política Lingüística ten colaborado en múltiples ocasións coa Asociación PuntoGal. Que balance faría vostede da andaina percorrida polo dominio galego? Que faría para convencer a máis xente, entidades e empresas para crear máis páxinas baixo o dominio galego?
-O balance é moi positivo e superáronse as expectativas. Está implantado nunha morea de empresas, administracións e entidades que xa asumen que o que fai Puntogal é situarnos e darnos identidade dentro dese inmenso mundo das tecnoloxías. Hoxe é moito máis ca unha referencia xeográfica ou cultural e chega a ter tal prestixio que xa funciona como unha denominación de orixe que marca calidade, proximidade e confianza. Puntogal soubo gañar ese recoñecemento social e foi dende un primeiro momento un gran logro.

-O Día das Letras Galegas aínda queda lonxe, pero gustaríanos saber se o seu departamento ten xa algo perfilado para celebrar esta nova edición da festa da nosa cultura.
-Temos toda unha batería de propostas dende as clásicas exposicións ou publicacións de libros ata ferramentas no ámbito tecnolóxico que nos permitan xogar coa figura dun home tan clásico como foi Antón Fraguas. O que pretendemos é que todo ese saber que nos legou sobre as costumes máis senlleiras de Galicia pasen ás aplicacións móbiles ou ás plataformas dixitais. En definitiva, que pasen a coñecer a Antón Fraguas a través do mundo das tecnoloxías.

PUBLICIDADE