Televisión Española promove as competencias dixitais a través dun novo programa

venres, 10 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Como unha aposta de RTVE para mellorar as competencias dixitais da cidadanía o vindeiro mércores ás 21:00 en La 2 estreará o programa Brigada Tech, no que a presentadora Luján Argüelles está acompañada por tres reporteiras de avanzada idade (Victoria, Charo e Pilar) que percorrerán distintos lugares da xeografía española para resolver as dúbidas dos cidadáns.
O espazo tamén contará con mentores dixitais (influentes) que participarán tanto en plató como en reportaxes, e que en moitos casos serán xa coñecidos pola audiencia máis afeita ás redes sociais, como Ricky García, Álex Chía, Pablogshow, Ger, Edgard Caro Casado e Laura Yustres Vélez.
Neste programa, que contará con coñecidas personalidades cada semana (comezando pola cantante Mónica Naranjo), explicará como facer a compra pola Internet, como denunciar un ciberataque, como aproveitar as posibilidades dun dispositivo móbil ou mesmo como conseguir que unha peme poida ter visibilidade nas redes sociais.
O programa está enmarcado no Pacto pola Xeración D do Plan Nacional de Competencias Dixitais, que ten como obxectivo formar á cidadanía nos novos retos do mundo dixital coincidindo co Ano Europeo das Competencias Dixitais.

Mónica Naranjo será a convidada do programa que poderase ver o mércores ás 21:00 en La 2 (con redifusión o domingo ás 13:15 en La 1.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente o programa non se emitirá en La 2 e prográmase para os venres ás 22:15 en La 1.

PUBLICIDADE