Televés participa arreo nas probas de emisión de alta definición que se levan a cabo en Valladolid

luns, 6 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A xira promocional por España e Europa da empresa galega Televés segue adiante. Se hai unhas semanas informamos do seu paso por Valencia, onde participou no Congreso Fenitel achegándolles aos profesionais a tecnoloxía da televisión do futuro, agora cómpre falar da presenza activa da unidade móbil da compañía compostelá nas probas de emisión en alta definición que Televisión Española está a levar a cabo en Valladolid. O obxectivo de Televés coa súa participación nestes traballos é incorporarse á iniciativa pioneira que TVE coordina dende o seu Centro Territorial de Castela e León e que deu comezo o pasado 17 de xuño a través da canle 32 da TDT, sinal que se recibe arestora en toda a provincia de Valladolid.
A previsión de Televés ao longo destas xornadas, informa a empresa nun comunicado, é a de traballar ombro con ombro cos técnicos de TVE na realización das probas técnicas de recepción e compatibilidade de emisións en alta definición.
Máis en detalle, os técnicos da empresa privada galega e os da canle pública probarán diferentes formatos de emisión de vídeo en MPEG-4 e avaliarán as capacidades dos servizos adicionais asociados á HDTV.
Outro dos obxectivos será afondar na interoperabilidade de distintos equipos desenvolvidos para esta tecnoloxía, así como a súa adaptación aos parámetros de emisión de TVE. Cómpre sinalar que a xira de Televés (Tour HDTV) comezou o pasado mes de abril coa finalidade de achegarlles a televisión do mañá aos profesionais do sector, misión para a cal a compañía preparou nos meses previos unha unidade móbil equipada con tecnoloxía de última xeración e que está a informar por toda Europa das vantaxes para os usuarios e profesionais do sinal de televisión de alta definición (HDTV). O itinerario pode seguirse paso a paso en www.hdtv-tour.com.

PUBLICIDADE