Televés levará á CABSAT 2012 a súa tecnoloxía de vangarda

mércores, 22 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O máis prestixioso evento mundial do eido da televisión e as telecomunicacións, a feira internacional CABSAT, vai celebrar a edición deste 2012 entre o vindeiro 28 de febreiro e o 1 de marzo e, un ano máis, non faltará na cita dixital a nosa firma de telecomunicacións máis senlleira, Televés, que contará cun stand de seu no que presentar a súa tecnoloxía de vangarda.
En concreto, a compañía galega estará no Stand S-B11 do Shekh Saeed Hall, dende onde dará a coñecer as súas últimas achegas en materia de televisión e telecomunicacións.
A organización do evento prevé recibir a visita de máis de 10.000 persoas provenientes de máis de 100 países, polo que este será un escaparate único para a presentación das novidades de Televés, entre as que ocuparán un lugar destacado o seu medidor de campo H60.
Falamos do que é unha evolución do medidor da gama H45, que aproveita a precisión e flexibilidade do procesado dixital para ofrecer novidades, tales como a extensión do analizador de espectro e medidas ata os 3,3 GHz, a función TILT para medicións de atenuación de rede en frecuencia e canles, medidas avanzadas de DVB-T2... todo nunha pantalla de 5,7 polgadas de mellor resolución e contraste e coa garantía dun produto feito no noso país.
A compañía, que viaxará ata o país oriental con todo o seu potencial, tamén aproveitará a ocasión para presentar a súa nova gama de multiswitches MultiConnect, que segundo afirman, “aportan melloras importantes na conectorización e fixación das unidades”, “o que facilita considerablemente o labor dos profesionais da instalación”, engaden.
Neste stand que a firma galega pon a disposición dos seus clientes de todo o mundo, tamén terá especial relevancia a distribución e presentación de servizos de 3D e HDTV, tanto a través da rede coaxial, como IPTV, empregando para elo as novas cabeceiras de xestión T.0X e os sistemas e servizos de Arantia TV, filial tecnolóxica de Televes Corporation.