Televés leva á feira ANGACOM a súa gama de multiconmutadores

xoves, 4 de xuño do 2015 Redacción

A empresa galega de telecomunicacións Televés vén de anunciar que presentará en ANGACOM 2015 a súa nova gama de multiconmutadores NevoSwitch. O encontro ANGACOM é a feira europea de referencia para os sectores broadband, cable e satélite, que terá lugar na cidade alemá de Colonia do 9 ao 11 de xuño. Desenvolvida e fabricada pola empresa nas instalacións que ten en Compostela, a gama que exporá Televés na caseta Hall 10.2 D21 está composta por multiconmutadores, derivadores, repartidores e amplificadores de liña que permiten elaborar instalacións de distribución de catro polaridades de televisión por satélite e terrestre, en topoloxía estrela ou fervenza.
Asemade, presentaranse tamén as solucións de fibra óptica para a hibridación de servizos de RFoG (Radio Frecuency over Glass) e datos en banda larga a través de redes GPON, desenvolvidas para responder ás necesidades dos operadores de cable para dixitalizar os seus servizos. Alén disto, poderanse ver os módulos para cabeceiras de distribución T.0X, que salientan pola súa eficiencia en termos de custo enerxético por servizo distribuído, e as solucións IPTV (distribución de televisión sobre protocolo de Internet) para o sector da saúde e a atención sanitaria.
Engadir que os asistentes a este encontro poderán coñecer de primeira man as altas prestacións e o doado manexo da gama de medidores de campo con procesado dixital HSeries, con novos modelos como o H30API, desenvolvido para redes de cable e que achega control remoto.
A xeito de curiosidade, dicir que ANGACOM 2015 prevé acoller a uns 17.000 visitantes profesionais de todo o mundo, con máis de 450 expositores. Os temas sobre os que xirarán os debates son: a vindeira xeración de redes, o fogar conectado e a televisión personalizada, entre outros.

PUBLICIDADE