Televés dá por concluído o seu Plan NP100 de renovación do catálogo de produtos

martes, 29 de maio do 2012 Raquel Noya

A firma de telecomunicacións compostelá, Televés, que a finais de xaneiro de 2011 puxo en marcha un ambicioso plan para renovar, como mínimo, un cento dos seus produtos nun período de 18 meses, vén de dar por rematado o chamado Plan NP100, e faino dous meses antes de concluír o prazo establecido.
Din os seus responsables que “conclúe así un ambicioso e complexo proxecto que puxo a proba a capacidade de innovación e resposta ao mercado da compañía”, segundo engaden, “líder no desenvolvemento e fabricación de equipos para a redacción, medida e distribución de sinais de radio-televisión”.
Ao feito de lograr o obxectivo, que xa de por si era complexo, hai que engadirlle que a compañía fíxoo nun tempo récord, moi por debaixo do establecido, o que demostra a capacidade de desenvolvemento e de implicación de todo o persoal da firma galega.
Sergio Martín, responsable de Comunicación de Televes Corporation explica que o plan de renovación de catálogo “apórtalle valor aos clientes, e contribúe a revitalizar a actividade no sector das infraestruturas de telecomunicacións”.

Novidades en tódalas áreas de distribución do sinal de televisión
As novidades lanzadas ao abeiro do NP100, das que fomos dando detallada conta en Código Cero, cobren tódalas áreas de especialización nas que traballa Televés, que van dende a Captación de sinal, da que lanzou 21 produtos, pasando pola de Xestión de cabeceira (32 produtos), Distribución (44), Recepción (1) e Medición (2 produtos).
Os desenvolvementos, segundo afirman, centráronse en moitos casos na “reenxeñaría electrónica e redeseño dos chasis para producir equipos de reducidas dimensións e de rendemento máis eficiente", aclaran.

PUBLICIDADE