Televés amosará os seus novos servizos de distribución na feira Light Building de Frankfurt

luns, 16 de abril do 2012 Redacción

A empresa galega Televés, con sede en Santiago, vén de anunciar que participará, amosando tecnoloxía de vangarda en materia de telecomunicacións para vivendas e oficinas, na feira internacional Light Building, que se vai celebrar en Frankfurt (Alemaña) a partir do vindeiro 15 de abril. Na cita, para facérmonos unha idea do que representa a nivel internacional, como escaparate e punto de encontro, xa confirmaron a súa presenza máis de 2.000 empresas de todo o mundo, debullando os seus respectivos achados en tecnoloxía e iluminación para edificios.
Máis en detalle, Televés presentará un amplo catálogo de produtos, entre os que cómpre destacar as cabeceiras de distribución T.OX, “dadas a coñecer en Alemaña a través de diversos casos prácticos de transmodulacións de COFDM, QPSK e 8PSK a distribucións en PAL, QAM256 e COFDM”. A idea é amosar polo miúdo a versatibilidade dos equipos de Televés, ademais da súa eficacia “en termos de consumo enerxético por servizo distribuído”. No emprazamento na feira da firma compostelá exhibirase tamén a nova gama de centrais de amplificación Minikom (Clase 3 e Clase 4), que representan en palabras dos responsables da compañía “unha solución perfecta para a distribución de servizos multimedia tanto en vivendas como en pequenas e medianas empresas”.
Amais disto, Televés presentará a gama completa de multiswitches Multrix e os multiconmutadores ECO, que permiten aforros enerxéticos moi salientables, sobre todo grazas a acadar alimentación a través do receptor do satélite.