Telefónica obtén un beneficio marca de 7.743 millóns no segundo trimestre

xoves, 29 de xullo do 2021 S. P.

Telefónica presentou o balance de actividade do segundo trimestre de 2021, un período que a compañía de telecomunicacións cualifica de “histórico” en relación coa boa parte dos niveis analizados. Por exemplo no ámbito de beneficio, no que a operadora acadou unha cifra marca de 7.743 millóns de euros. O beneficio neto do primeiro semestre sería de 8.629 millóns de euros, unha cifra que constitúe outro fito na historia de Telefónica.
Estes resultados son en boa medida resultado dunha serie de factores, incluídas as plusvalías procedentes do peche da fusión de O2 e Virgin Media en Reino Unido, ao que cómpre engadir a venda das torres de Telxius. A isto súmanse “os efectos favorábeis acadados grazas á xestión aplicada, que se está a traducir nunha progresiva volta ao crecemento e nunha meirande eficiencia”.
Polo que se refire á débeda, acurtouse á metade nos últimos cinco anos, desde os máis de 52.000 millóns de euros en xuño de 2016 até os 26.200 millóns en xuño deste ano.
Ao mesmo tempo, as plusvalías procedentes das operacións reforzaron o balance do Grupo, que conta agora cunha estrutura de capital máis eficiente que incrementa a calidade do valor da compañía, cun aumento do patrimonio neto superior aos 10.000 millóns de euros. Telefónica conta ademais cunha sólida posición de liquidez, que aumenta até os 26.924 millóns de euros.

PUBLICIDADE