Telefónica leva a súa fibra óptica a 548 novos fogares e empresas de Outes

venres, 26 de xuño do 2020 S. P.

O concello de Outes vén de dar un novo paso en materia de cobertura tecnolóxica avanzada, e fíxoo da man de Telefónica, que ampliou a presenza da súa fibra óptica até o fogar (tecnoloxía FTTH) coa conexión de 548 novas vivendas e empresas que se suman ás 1.036 que xa dispoñen do servizo achegado pola operadora. As novas unidades inmobiliarias en cobertura sitúanse en once núcleos de poboación: Tavilo, Outón, Bendimón, Braño, Boel, Ponte Nafonso, A Toxeira, Roo de Abaixo, O Cruceiro de Roo, Lantarou e Lagoa.
A nova cifra de fogares e locais con posibilidade de conectarse, que xa foi comunicada ao alcalde do municipio, Manuel González, significa que poderán dispor de servizo de voz de alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+, terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet. “Igualmente conseguirá a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede”, informou Telefónica.
O alcalde, Manuel González, indicou que a conexión a Internet de altas prestacións “é esencial para que Outes sexa un lugar atractivo para vivir e traballar, en particular no contexto actual onde o teletraballo está a gañar terreo”. Segundo fixo saber, “o noso concello ten unha vantaxe estratéxica pois está situado a 25 minutos de Santiago de Compostela, vantaxe que se ve reforzada pola banda larga”.
O despregue nos novos fogares que entran agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración, PEBANG. Telefónica continúa así coa súa política de colaboración público-privada para, nas súas palabras, “situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración”.
A finais de 2019, o 56% da poboación da provincia da Coruña contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) de Movistar, o que supuxo un total de 444.526 vivendas e negocios e un 11% máis que no exercicio anterior.

PUBLICIDADE