Telefónica lanza a II edición do concurso de ciberseguridade para os colexios

luns, 3 de outubro do 2022 S. P.

Logo da importante repercusión da primeira convocatoria, na que participaron máis de 1.600 escolares de 38 colexios galegos, Telefónica promove na nosa terra a II edición do concurso Ciberseguridade no cole! para alumnos de 10 a 14 anos. Está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO, e o prazo de inscrición para participar estará aberto até o vindeiro 10 de outubro ás 12h. O obxectivo é favorecer as navegacións seguras na contorna escolar e facilitar que a rapazada poida adquirir os coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais, ademais de promover unha cultura de ciberseguridade entre os adolescentes.
Para poder participar no concurso os centros de primaria e secundaria deberán inscribirse nun formulario vía web na ligazón específica habilitada pola operadora.
Os centros educativos participantes no concurso e que rexistren correctamente o formulario serán informados o 13 de outubro vía correo electrónico dos detalles da súa participación e os requisitos técnicos (equipo informático con conexión a Internet) necesarios para a primeira fase inicial online do certame, que se celebrará o 20 de outubro. Telefónica sinala que será “requisito necesario rexistrarse utilizando un correo electrónico do propio centro escolar para validar a participación”. Logo daranse a coñecer os 3 equipos finalistas de cada categoría (Primaria e Secundaria), que serán convidados a participar na fase final presencial que se celebrará o día 10 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago durante o Encontro CIBER.gal, onde serán anunciados os gañadores.
Os detalles máis relevantes do concurso e as súas bases legais poden consultarse no portal da Consellería de Educación na seguinte ligazón.

PUBLICIDADE