Telefónica informa de melloras na cobertura móbil dos nosos principais vieiros

martes, 15 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A AP-9 é unha das vías incluídas nestes novos traballos de mellora

A operadora estatal Telefónica achegou esta semana un informe sobre o estado de cousas da súa cobertura móbil nas principais estradas da nosa terra, informe que se basea no estudo dunha das principais liñas de actuación incluídas no Plan de Banda Larga da Xunta, no que Telefónica está a traballar. En definitiva, o reconto da compañía refírese ao acadado xa na súa achega de cobertura móbil nas principais vías de comunicación e puntos estratéxicos urbanos da xeografía galega. Segundo informa, os resultados destes investimentos e traballos xa son unha realidade en varios puntos da AP-9, onde se tiñan rexistrado certas eivas de acceso, como por exemplo entre Abegondo e Ordes. Neste treito, conta Telefónica, mellorouse de xeito sensíbel a calidade da cobertura trala ampliación da infraestrutura dunha estación base emprazada nesta área, e tamén no punto quilométrico 83.8, na zona de Muíños.
Polo que respecta á rolda de Santiago da devandita vía, arredor da Cidade da Cultura, sinalar que alí tamén Telefónica realizou unha serie de axustes de rede para mellorar a calidade de acceso móbil, “axustes que ficarán resoltos cando se instale na área unha nova infraestrutura para a que a operadora está a buscar emprazamento”. Outro punto con eivas de calidade é o túnel de Candeán, na circunvalación de Vigo, onde xa se levaron a cabo certas tentativas de mellora que non obtiveron os froitos desexados, polo que se fai necesaria, sinala a empresa, a implantación dunha estación base nesta zona, estación para a cal xa se está a buscar o escenario máis axeitado.
Polo que respecta ás cidades, dicir que tamén están a ser obxecto de traballos, como por exemplo na Coruña, onde se está a fortalecer a calidade do servizo no túnel de María Pita e na zona dos Cantóns “mentres se busca un novo emprazamento para a infraestrutura das Xubias, co fin de incrementar a cobertura nas vías desa área”. Polo que atinxe a Santiago, xa se dispón de cobertura nos túneles da Avenida de Lugo e Romero Donallo. Na zona de San Caetano e Xoán XXIII, engade a operadora, e nas dependencias da Xunta, “leváronse a cabo actualizacións de rede para paliar os problemas causados polo desmantelamento da estación base de Basquiños, por orde do Concello, a finais de 2009; a mellora definitiva da calidade neste espazo fica pendente do emprazamento dunha nova estación base que substitúa á devandita de Basquiños e para a que xa se está a xestionar un novo escenario físico”.

PUBLICIDADE