Telefónica e Nokia ofrecerán conectividade de alta capacidade en contornas rurais e remotas

mércores, 28 de abril do 2021 S. P.

Telefónica anunciou este 28 de abril un novo e decisivo paso no espallamento xeográfico dos seus servizos de telecomunicacións avanzadas para empresas e domicilios. En concreto, a operadora seleccionou ao fabricante Nokia para levar conectividade 5G e a fibra até o fogar (FTTH) a máis persoas e empresas en España botando man da rede IP Fusión do operador. Farase coa entrada en xogo de novos routers na rede de acceso e agregación.
En concreto, a operadora despregará en España os produtos Nokia 7250 IXR, incluíndo o router de emprazamento celular 7250 IXR-e para o acceso e o 7250 IXR-R6 para a agregación. “Ambos están deseñados especificamente para soportar nubes distribuídas (edge clouds) e así achegar as aplicacións aos usuarios finais para unha mellor experiencia do cliente”, explica a operadora, engadindo que os produtos Nokia 7250 IXR tamén achegan soporte de extremo a extremo para protocolos avanzados de enrutamiento IP, como o enrutamiento por segmentos, que sentará as bases para o network slicing do 5G (fragmentado da rede) e proporciona “un servizo automatizado, rápido e eficiente”. Os produtos 7250 IXR tamén melloran a fiabilidade do servizo móbil ao proporcionar capacidades avanzadas de sincronización e calidade de servizo, “que son fundamentais para o rendemento da rede móbil”, apuntou a operadora.

PUBLICIDADE