Telefónica e Everis impulsan tecnoloxías para xerar información de valor dende o espazo

xoves, 3 de novembro do 2016 Redacción

Os avances para emprazar recursos de seguimento no espazo que nos permitan (paradoxalmente) coñecer mellor a Terra (coñecernos mellor a nós mesmos) veñen de recibir un importante pulo da man de Everis e o Grupo Telefónica (a través da plataforma de crowdworking Telefónica Open Future, da que forma parte a palestra de proxectos innovadores do monte Gaiás en Compostela, Galicia Open Future). Máis polo miúdo, ámbalas compañías (xunto con IDOM, Orza, Axis-Ico, o Goberno de Euskadi e a Deputación de Bizkaia) anunciaron onte que achegarán un investimento de 2,3 millóns de euros para impulsar o lanzamento de Satlantis. Esta firma innovadora con sede en Bilbao ten o obxectivo de desenvolver tecnoloxías para ofrecer produtos e solucións de información inxente (Big Data) xerados dende alén da nosa bóveda celeste. Con esta ampliación de capital a empresa poderá emprazar no espazo as súas avanzadas cámaras de observación da Terra.
Entre as principais achegas de Satlantis atópase, por certo, a tecnoloxía iSIM, unha óptica de imaxe de alta precisión con fotografías “submétricas” para satélites que orbitan a 500 quilómetros de distancia. Segundo informou onte Telefónica, “este reto tecnolóxico compite no mercado contra satélites valorados en centenares de millóns de euros de investimento, e dotados con cámaras de grandes dimensións”. Porén, engadiu a operadora, Satlantis ofrece pola contra “unha miniaturización da cámara até os oito quilos de peso e un investimento moi inferior aos actuais prezos”. En palabras de Telefónica, “o peche desta rolda de investimento confirma o éxito do desenvolvemento tecnolóxico desta compañía nos seus dous anos de existencia, así como o acerto na selección de Bilbao como a súa sede mundial”.

Juan Tomas Hernani, CEO de Satlantis, e Rafael Guzmán, CTO de Satlantis

Entre os eidos potenciais de actividade das tecnoloxías desenvolvidas pola firma vasca atópanse cousas como o rexistro e seguimento do territorio, o estudo da climatoloxía (cada vez máis importante fronte aos desastres provocados polo cambio climático, do que se espera atopar pautas que nos permitan estar mellor preparados para afrontalos), os fluxos migratorios ou a presenza de recursos pesqueiros. Isto polo que se refire ao traballo das institucións públicas, pero o abano de posibilidades amplíase en boa medida grazas á concorrencia das empresas. Moitas delas, de feito, levan anos procurando tecnoloxías accesíbeis que lles permitan protexer as súas infraestruturas, integrando esta información cos seus datos de terra.
Telefónica, que participa neste investimento por medio do seu programa de innovación aberta Telefónica Open Future, informou que “formar parte de Satlantis” representa “a oportunidade de ofrecer aos seus clientes o mundo do Big Data xerado desde o espazo”.

PUBLICIDADE