Telefónica dotará con redes de alta velocidade o Concello de Ames

venres, 18 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames vén de adxudicar o contrato do servizo de telecomunicacións (fixa e móbil), o acceso á Internet de banda larga e transmisión e almacenamento de datos da Administración local á UTE constituída por Movistar e Telefónica por un período inicial de tres anos e un importe de 263.158,06 euros (IVE incluído). Segundo explica o Goberno de Ames, o novo contrato “implica unha serie de vantaxes e melloras respecto ao anterior servizo que fora adxudicado en novembro de 2011 sen proceso público algún”. En primeiro lugar, medra a velocidade de acceso coa previsión de que chegue aos 250 Mbps simétricos. Trátase dunha optimización moi significativa, tendo en conta, segundo explica o Concello, que se parte da base dos escasos 20 Mbps actuais.
Asemade, as velocidades de conexión coas sedes remotas (Milladoiro) chegarán aos 60Mb, “o que fai posíbel unha xestión máis áxil da documentación”, engaden fontes do Executivo local, que explican que a iniciativa insírese no plan local de modernización da Administración e que, amais do devandito a nova adxudicación tamén implica “unha mellora da infraestrutura de rede local”. De feito, inclúese a substitución de tódolos switchs para “conseguir un incremento da velocidade dentro da rede local, xunto con melloras nas liñas de backup e no proceso para gardar documentación municipal cos criterios necesarios de seguridade”.
O Concello tamén apunta que con este novo servizo búscase mellorar a instalación dos puntos Wi-Fi, de xeito que se instalará un novo sistema sen fíos para as casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como para a biblioteca do Milladoiro. Asemade, porase en xogo “un incremento substancial do espazo de almacenamento dos servidores locais, permitindo unha mellor almacenaxe e xestión da documentación entre o persoal do Concello, así como entre a veciñanza e a Administración”.
As transformacións e melloras non rematan aí, xa que tamén atinxen ao sistema de telefonía, tanto fixa como móbil, que pasa a ser un sistema IP, “máis fiábel e con novos terminais de última xeración que serán xestionados a través dunha centraliña central que será a encargada da xestión das chamadas ao Concello, cun novo sistema de atención telefónica de saltos e no que se dará prioridade as chamadas aos diferentes departamentos”.
A maiores de todo o devandito, co novo sistema de telefonía o Concello e as operadoras instalarán un novo servizo 092 para a Policía Local e introducirán melloras no servizo de streaming ate chegar aos 600 GB de almacenamento (permitíndose a reprodución de contidos dixitais en directo).

PUBLICIDADE