Telefónica atrévese cun smartbook de seu

mércores, 28 de abril do 2010 Marcus Fernández

O novo equipo informático Compaq Airlife 100, anunciado coma o primeiro smartbook do mercado español, chega da man de Telefónica, dentro da súa estratexia polos dispositivos conectados, que neste caso non parece ter comezado con bo pé, pois o trebello con pantalla táctil de 10,1 polgadas (1.024 x 600 píxeles), procesador Qualcomm QSD8250, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, 3G integrado, lector de tarxetas SD de ata 32 Gb e unha batería de ata case 12 horas (e ata 10 días en espera) pese a ser un ultraportátil, funciona co sistema operativo Android, que actualmente non está optimizado para este tipo de trebellos, de xeito que provoca unha experiencia de uso un tanto molesta para o usuario.
Lembremos que Android é un sistema operativo deseñado para o seu uso en dispositivos táctiles coma teléfonos móbiles ou reprodutores multimedia, pero o súa experiencia en trebellos de grande tamaño aínda non está optimizada, de aí que sexa prudente agardar varios meses para decidir cómo vai o sector e aínda que parece que podemos concluír que a venda de e-books xa está en decadencia.
O prezo do Compaq Airlife 100 será de 229 euros con contrato de datos Internet Maxi (49 euros/mes) ou de 299 euros cunha tarifa plana de Internet Plus (39 euros/mes), incluíndo coma promoción a recepción da canle Gol Televisión de balde durante un ano.
As críticas a este equipo híbrido entre móbil e ultraportátil están a ser gastante duras, non só pola inmadurez do Android para certos usos, senón tamén por carecer de acceso ao Android Market, os seus materiais son de pouca calidade, o seu prezo excesivo e o seu navegador web parece deficiente.
As súas características técnicas serían coma segue:
· Pantalla de 10.1 polgadas
· Resolución de 1024×600 píxeles
· Procesador Qualcomm Snapdragon de 1GHz
· 512MB de memoria RAM e 512MB de memoria ROM
· Dous altofalantes na parte frontal exterior e toma para auriculares
· Conexión Micro USB
· Memoria interna de 16GB
· Lector de tarxetas SD
· Wi-Fi 802.11g
· Bluetooth 2.0+EDR
· Teclado QWERTY
· GPS dedicado, A-GPS e uso de redes sen fíos para a localización
· Modem 3G interno
· Android 1.6 como sistema operativo
O último punto parece o máis polémico, posto que para este tipo de dispositivos estarían a preparar o Chrome OS, pero como aínda faltan meses para o seu lanzamento, optaron por un Android 1.6 bastante desfasado. Tamén pódese criticar que a súa pantalla táctil fose resistiva. De todos os xeitos, parece evidente que estamos ante un produto que vai telo difícil no futuro, pois terase que incorporar á Rede nun momento de constante cambio á vez que presenta unha experiencia de uso máis propia dun móbil que dun PC.

PUBLICIDADE