Telefónica achegará cobertura 5G ao 75% de España antes de rematar o ano
martes, 1 de setembro do 2020
O presidente executivo de Telefónica, José
María Álvarez-Pallete, anunciou hoxe a posta en marcha da súa rede de telefonía
móbil 5G, asegurando que este paso que ten lugar en todas as comunidades
autónomas acelera a dixitalización das pemes, das Administracións públicas e
dos cidadáns.
Telefónica lanzará unha oferta tanto para particulares como para empresas,
prevendo chegar ao 75% da poboación española antes de rematar o ano, e aseguran
que esta nova tecnoloxía suporá moitos beneficios transversais, directos e
indirecto, afectando a sectores como o transporte, o turismo, a enerxía, a
automoción ou a saúde. Álvarez-Pallete salienta que a 5G «é unha revolución polas
súas aplicacións prácticas para todos os sectores e porque permite ampliar a
cobertura de ultra banda larga nas zonas rurais e na España baleirada».
A nova xeración de telefonía móbil permite a conectividade ultrarrápida e con
capacidades diferenciais en termos de largo de banda, tanto de subida como de
baixada, moi baixa latencia e capacidade para conectar a millóns de
dispositivos. Unha transformación que facilitará a conexión dos nosos obxectos
de uso cotián, o que será unha grande transformación tecnolóxica e social.
Na primeira fase Telefónica despregará 5G NSA e DSS (como xa fixeron outros operadores)
utilizando as bandas de 3,5 GHz e as bandas medias (1.800-2.100 MHz) empregadas
actualmente pola 4G, podendo empregar 4G e 5G á vez. Máis adiante continuarán coa
tecnoloxía 5G SA, que será a que realmente ofrecerá as melloras prometidas.
A chegada da 5G facilitará o abandono de vellas tecnoloxías, e así Telefónica
prevé o apagado da súa rede 3G en 2025, cando tamén está previsto que a súa
rede de cobre estea totalmente substituída por unha rede de fibra óptica.
Declaracións de Álvarez-Pallete sobre a estrea da rede 5G de Telefónica en España
Vídeo promocional de Telefónica sobre a súa nova rede 5G