Telefónica Open Future e Scytl impulsan tecnoloxías de comunicación segura entre cidadanía e goberno

mércores, 24 de febreiro do 2016 Redacción

Telefónica Open Future (aceleradora internacional de innovación aberta para desenvolver e captar o talento e emprendemento) e Scytl (empresa centrada nas solucións seguras de xestión electoral, voto por Internet e goberno electrónico) anunciaban hoxe a súa colaboración de cara ao lanzamento de OpenSeneca, unha nova plataforma dixital para achegar aos cidadáns e aos seus representantes electos unha canle segura para interactuar, debater e deliberar. A meta desta plataforma é a de mellorar a participación democrática e promover as consultas cidadás potenciando a transparencia no sector público.
Cómpre dicir que este acordo xorde ao abeiro do 4YFN do MWC, convertendo a OpenSeneca nunha nova entidade formada a partir dun spin-off da unidade de negocio de eDemocracia de Scytl que inclúe persoal, solucións, patentes, clientes, e socios. A nova compañía aspira a converterse nunha referencia neste nicho de mercado que se estima alcance un tamaño de 1Bn de euros nos vindeiros 5 anos. OpenSeneca faise realidade grazas a unha contribución de recursos de ambas as compañías por un importe de 35 millóns de euros que se irá completando conforme se vaia executando o plan de negocio.
Indo ao miolo de OpenSeneca, consiste nunha plataforma que combina un repositorio global de Open Data con ferramentas de interacción, agregación e explotación de datos. A plataforma de participación cidadá de OpenSeneca inclúe: un conxunto de ferramentas cloud para a participación, discusión, consulta e deliberación multidireccional. Tecnoloxía patentada de cifrado de datos e de inmutabilidade de rexistros que garante a privacidade do cidadán, a integridade do sistema e a súa análise pormenorizada. Unha base de datos aberta e anónima que proverá aos gobernos de información sobre o sentir da cidadanía e axudará na toma de decisión afíns a estes sentimentos. Esta información estará organizada verticalmente por comunidades e localizacións, e transversalmente por temas e contido.
"Na actualidade, a comunicación dos gobernos cos seus cidadáns limítase na maioría dos casos ao proceso electoral que acontece cada 4 anos; isto a día de hoxe non abonda para as novas xeracións de cidadáns que esixen que se lles escoite nas decisións que afectan ao seu día a día e piden ferramentas que lles permitan interactuar cos seus políticos”, afirmaba Ana Segurado, directora global de Telefónica Open Future.
Pablo Sarrias, actualmente vicepresidente senior de Desenvolvemento Corporativo de Scytl e director executivo da nova compañía engadía que "a través do proxecto, tanto representantes políticos como cidadáns e organizacións de todo o mundo terán unha contorna segura para interactuar e participar nos asuntos do seu interese”.
OpenSeneca conta cunha carteira de máis de 30 patentes internacionais na área de seguridade en procesos democráticos e participativos. Unha versión limitada da plataforma sairá ao mercado na primavera de 2016 e estará dispoñíbel de balde para cidadáns, organismos e organizacións.

PUBLICIDADE